Wednesday 15 de May de 2024

Ovidio Rodeiro informou que a xunta ten aberta a convocatoria para as axudas do Bono Autónomo con apoios de ata 3000€ para a mellora da competitividade


O delegado territorial destacou que estas achegas apoian servizos e investimentos dos traballadores por conta propia que conten cunha antigüidade superior aos 42 meses

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou, esta mañá, Albergue Muxía, propiedade de José María Lago, un dos beneficiarios, o ano pasado, do Bono Autónomo, que recibiu o máximo que permite esta orde, 3.000 euros, para poñer en marcha unha web multilingüe con módulo de reservas e pasarela de pago Redsys, así como un programa de xestión para o coñecemento de reservas realizadas e prazas dispoñibles.

O representante do Goberno Autonómico destacou que, nesta comarca o ano pasado, recibiron esta axuda 79 persoas e as achegas totais que recibiron foron de máis de 176.000 euros.

Ovidio Rodeiro destacou en relación coa convocatoria de axudas do Bono Autónomo, que “a Xunta vén de aprobar por terceiro ano consecutivo con axudas de ata 3000 euros para apoiar servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que contan cunha antigüidade superior aos 42 meses”. A Administración autonómica prevé beneficiar a 1300 traballadores a través dun orzamento que alcanza os catro millóns de euros, un máis que ao longo do pasado exercicio. O prazo para solicitar estas axudas está aberto ata o 2 de agosto e se terán que xustificar mediante facturas ou documentos bancarios acreditativos do pago.

A actuación conta con dúas liñas de axudas para mellorar a competitividade dos autónomos. Apoiarase, dunha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación, refinanceamento ou reorientación do negocio, así como os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se poderán aprobar axudas para outros estudos ou plans que teñan como fin incrementar a competitividade da actividade empresarial.

Financiarase, doutro lado, investimentos relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; coa reforma do local; a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio. Este ano tamén financiarase como novidade a adquisición de mobiliario.

A iniciativa forma parte da Estratexia Autónomo 2020, que inclúe iniciativas baseadas no diálogo con este sector estratéxico para Galicia co obxectivo de impulsar o seu crecemento, a súa consolidación e a súa competitividade. Neste intre, ademais do Bono autónomo, destacan outras liñas de actuación como a Oficina do autónomo ou as axudas para a conciliación, o inicio de actividade, a contratación de ata tres asalariados e os apoios ás asociacións de autónomos. Nestas iniciativas investíronse o pasado ano máis de 24 millóns de euros, o que permitiu favorecer o labor de 6555 traballadores por conta propia.